redacción
Celebrouse o 17 de agosto o Día de Galiza Mártir, que
anualmente ten lugar en Poio (Pontevedra).
Ao acto de homenaxe en memoria de Alexandre Bóveda, organizado pola fundación
que leva o nome do galleguista fusilado durante o represión franquista,
asistiron, entre outras personalidades, os alcaldes de Pontevedra e de Poio,
os nacionalistas Miguel A. Fernández Lores e Luciano Sobral, respectivamente;
as conselleiras Ánxela Agalla e Teresa Táboas, ademais do citado
Anxo Quintana e familiares do galleguista fusilado na Caeira (Poio), o 17 de
agosto de 1936.
Tralas intervencións de rigor, tivo lugar a ofrenda floral diante do monumento
a Alexandre Bóveda na Caeira. As coroas e ramos de flores, colocadas ao
pé do monumento, foron doadas polos concellos de Poio e Pontevedra, a
familia do galleguista fusilado e pola fundación que leva o seu nome e
que preside Fernando Quintela.
Pola tarde, como xa é habitual nesta data, tivo lugar unha cerimonia de
aniversario na capela do cemiterio de San Amaro de Pontevedra e, posteriormente,
un acto cívico diante da tumba na que repousan os restos de Bóveda
na citada necrópoles.
O colofón ao Día da Galiza Mártir tivo lugar na praza
de Curros Enríquez (Pontevedra), cun acto político no que participou
Francisco Jorquera.